CRTVG

Buscar

Morre un mozo de 21 anos ao chocar o seu turismo contra un vehículo agrícola en Mazaricos

Publicado o 18/09/2020 09:15

O accidente producíase arredor das sete e media da mañá, nesta recta da estrada provincial que comunica A Picota, no concello de Mazaricos, con Dumbría. Por causas que se descoñecen, o Opel Corsa que conducía un mozo de 21 anos colidiu coa parte traseira dun vehículo agrícola que circulaba diante. O impacto, á vista do estado en que quedou o turismo, foi brutal, e o equipo de emerxencia sanitarias que se desprazou ao lugar non puido facer nada para salvar a vida do mozo. O condutor do vehículo especial saíu ileso.

"Era un carro mesturador da comida dos animais e o turismo era un Opel Corsa e polo momento descoñécense os motivos, estanse investigando polo equipo de atestados", explica o tenente Antonio Manuel Velasco, da Garda Civil de Tráfico da Coruña. Con todo, engade que "estaba chovendo e amencendo, polo que as condicións de visibilidade non eran óptimas". Ademais, segundo o xefe de quenda dos Bombeiros de Santa Comba desprazado ao lugar, Pablo Fadeville, "as condicións que había pola mañá eran de bastante brétema".

Foi necesaria a intervención dos Bombeiros de Santa Comba para excarcerar o corpo, que quedou atrapado dentro do vehículo. Tamén participaron nos labores de excarceración membros do Grupo de Emerxencias Supramunicipais de Muros. Ata o lugar tamén se desprazou Protección Civil de Mazaricos.

"A estrada AC-400 si que ten accidentes con relativa asiduidade, pero aquí debe ser o segundo en dez ou doce anos de servizo que nos toca vir, polo menos de gravidade", di Fadevilla.

O rapaz falecido, que vivía en Asenso, no concello de Mazaricos, era electricista e dirixíase ao seu lugar de traballo. A Garda Civil investiga as circunstancias do tráxico suceso.