CRTVG

Buscar

Falece un mozo de Friol nun accidente de tráfico en Melide

Publicado o 05/07/2020 15:47

Noite a do sábado para o domingo con numerosos accidentes nas estradas galegas, aínda que o máis grave foi antes das vinte e tres horas de onte, no lugar do Feal, a poucos quilómetros da vila coruñesa de Melide, e na estrada que vai cara a Toques. Un turismo, en que viaxaban dous mozos, saía fóra da vía e envorcaba sobre outro coche que estaba aparcado nunha leira.

"Comprobamos que había un coche envorcado fóra da vía, e no seu interior había unha persoa, o condutor, que lamentablemente estaba falecido", relata Juan Curros, xefe da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Melide.

A vítima é un mozo de 21 anos, veciño de Friol, que recibiu todo o impacto da colisión cando o coche envorcou. O copiloto tivo só feridas leves. Ao lugar acudiron Protección Civil de Melide, servizos sanitarios, Bombeiros de Arzúa e Garda Civil de Tráfico. Os veciños denuncian a perigosidade do tramo, con varios mortos nos últimos anos.

"Vén morrer moita xente nesta estrada, entón no seu día solicitamos uns sinais a Deputación. Si que as puxeron, que ata mesmo as pintaban. Entón o que necesitariamos aquí sería un radar", reinvindica un veciño.

Protección Civil pide moita precaución nos desprazamentos nocturnos agora que volven aumentar, superado o confinamento por mor da pandemia.