CRTVG

Buscar

Falecen dous mozos en accidentes de tráfico en Miño e en Bergondo

Publicado o 29/05/2019 14:01

Dous mozos, menores de 30 anos, faleceron nas últimas 24 horas en senllos accidentes de tráfico na Coruña, a escasos dez quilómetros un do outro. 

O último foi aquí, en Miño, na estrada nacional que une Ferrol con Betanzos. O falecido é un veciño da zona, un mozo de 26 anos, natural de Oza pero que, ao parecer, residía no concello de Miño, en Carantoña, moi preto do lugar do accidente. Chocou frontalmente contra outro coche e saíu da vía. Segundo confirmaron os efectivos que participaron na liberación, non levaba posto o cinto de seguridade. O condutor do outro coche, de 83 anos, foi trasladado ao hospital. Horas antes, no concello veciño de Bergondo, un motorista de 28 falecía ao saír da calzada e bater contra un poste.

 No 112 recibían a alerta contra as dúas da mañá. Dous coches chocaran na Nacional 651, á altura do quilómetro 11, na Ponte Baxoi. O impacto foi moi forte. Un dos turismos, conducido por un mozo de 26 anos, saíu da vía tras dar voltas de campá. Intentaron reanimalo pero non foi posible. Segundo comprobaron os servizos de urxencias, non levaba o cinto posto. No outro coche circulaba un home de 83 anos. Tamén tivo que ser liberado polos bombeiros de Betanzos, e, posteriormente trasladárono nunha ambulancia medicalizada ao Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol. O seu estado, aparentemente, non era grave.


A estrada estivo cortada ao tráfico durante hora e media, ata que retiraron os coches e limparon o asfalto. Pendentes do atestado de tráfico, no lugar non quedaba claro en que sentido circulaba cada vehículo. Segundo os veciños da zona, o mozo, natural de Oza dos Ríos, vivía coa súa familia en Carantoña, a escasa distancia do lugar do sinistro.

Esta tráxica morte vense sumar á doutro mozo de 28 anos que falecía poucas horas antes e moi preto, no concello de Bergondo. Circulaba en moto por esta esta rúa, pero saíu da vía e bateu contra un poste. Ao lugar desprazáronse efectivos da Garda Civil de Tráfico, de Protección Civil, os bombeiros de Betanzos e persoal do 061, pero non puideron facer nada.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí