CRTVG

Buscar

Morre un motorista nun accidente de tráfico en Guísamo, Bergondo

Publicado o 10/06/2019 18:40
Morre un motorista nun accidente de tráfico en Guísamo, Bergondo

Un motorista morreu esta mañá nun aparatoso accidente de tráfico ocorrido na N-VI ao seu paso polo concello coruñés de Bergondo. Foi tras recibir o impacto dun vehículo que circulaba en sentido contrario. Todo fai indicar que a súa condutora perdeu o control do coche tras bater contra a parte traseira dun camión ao que adiantaba.

O estado en que quedou a moto en que viaxaba un mozo de Culleredo de 36 anos de idade dá conta da magnitude do impacto. Segundo os datos da Policía Local de Bergondo, eran as 8 e 23 minutos da mañá cando a condutora dun vehículo que circulaba en dirección á Coruña á altura do cruzamento de Guísamo perdeu o control e bateu contra a moto que circulaba en sentido contrario. De inmediato desprazáronse ata o lugar efectivos de bombeiros de Betanzos e urxencias médicas que non puideron facer nada por salvarlle a vida ao motorista que faleceu practicamente no acto.

Eduardo Lourido, cabo dos bombeiros: "Recibimos unha chamada dun accidente de tráfico con dous vehículos implicados e unha motocicleta con resultado dun falecido, o piloto da moto, cunha colisión frontolateral cun dos vehículos. Estivemos asegurando a zona".

A Garda Civil de Tráfico e os axentes da Policía Local de Bergondo encargáronse de regular o tráfico neste punto quilométrico 580 da N-VI que concentra unha elevada densidade de tráfico. Todo parece indicar que a condutora do vehículo puido perder o control tras bater contra a parte traseira dun camión ao que nese momento adiantaba. Este treito da N-VI entre A Coruña e Betanzos concentra unha alta sinistralidade viaria.

Eduardo Lourido, cabo dos bombeiros: "Collemos moita zona de autovías e autoestradas. Hai moito volume de tráfico, moita zona industrial. Moito volume de vehículos e, polo tanto, hai máis sinistralidade".

O equipo de atestados da Garda Civil tomoulles declaración no lugar do suceso aos dous condutores implicados neste tráxico accidente que fai elevar o número de vítimas mortais nas estradas galegas.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí