CRTVG

Buscar

Morre un motorista en Vigo tras bater cun contedor

Publicado o 12/09/2019 14:59

En Vigo, hai aberta unha investigación para determinar as causas do accidente mortal que se produciu esta madrugada na rúa Gran Vía.

A Policía Local de Vigo mantén aberta unha investigación para determinar as causas do accidente no que perdeu a vida o condutor dunha moto que circulaba pola rúa Gran Vía. Perdeu o control e bateu frontalmente contra un colector do lixo. Tiña corenta anos e morreu no acto. A muller que o acompañaba na moto, de 36 anos, foi traladada ao hospital Povisa, consciente e aparentemente sen feridas graves. O ruído que provou o impacto sorprendeu os veciños da zona e algúns deles tentaron socorrer as vítimas.

Sucedeu sobre a unha e media da madrugada e esta mañá as pegadas que deixou o accidente eran aínda visibles. Por causas que se estána a investigar, o condutor da moto, que circulaba pola rúa Gran Vía en sentido ascendente, perdeu o control e bateu contra un colector do lixo que había na beirarrúa. Os dous ocupantes da moto saíron disparados como consecuencia do forte impacto que sentiron algúns veciños da zona. De feito foron eles os primeiros que tentaron prestar axuda ás vítimas.

Dúas ambulancias medicalizadas trasladáronse á zona. Nada se puido facer por salvar a vida do condutor da moto, un home de 40 anos que faleceu no punto. A súa acompañante, unha muller de 36 anos, foi traladada en estado consciente ao Hospital Povisa para ser atendida das súas feridas.

A Policía Local fíxose cargo do atestado e mantén aberta unha investigación para determinar as causas deste sinistro mortal.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí