CRTVG

Buscar

Morre un home nun accidente de tractor cando traballaba nunha leira en Ribadeo

Publicado o 03/05/2019 13:48

Un veciño de Rinlo, en Ribadeo, morreu nun accidente cun tractor. Trátase dun septuaxenario que estaba a arar unha leira cando se produciu o sinistro. Ao envorcar o vehículo, o home quedou atrapado. 

O suceso ocorreu no lugar do Campo de María Méndez, a onde se desprazaron os bombeiros de Barreiros ao recibir un aviso do 112. Cando chegaron os servizos de emerxencias, o tractorista xa estaba morto.

"Levaba toda a tarde aí. Eran as tres da tarde e dende a casa sentía rumbar un tractor, que é coma o que teño eu. Ás catro tamén estaba traballando e despois aló polas seis parou. Acababan de enfastialo o tractor", explica un veciño.

"É unha cousa moi estraña porque é unha zona moi chá. Non sei que puido pasar. Ou deulle algo ou caeu do tractor. Non sei se cando caeu aínda estaba o tractor a andar", conta outro.

Ao parecer, o tractorista encontrábase só cando se produciu o accidente. Tratábase dun camioneiro, natural de Asturias, que xa estaba retirado.

"É unha perda porque é un veciño e non se contaba con iso. Non sei que lle puido pasar", din no lugar.

"Xa se sabe que debía ter un máis coidado. O home levaría pouco tempo co tractor. El era camioneiro, pero pouco levaría co tractor".

Como adoita acontecer neste tipo de sinistros, o tractor que envorcou carecía dunha cabina para o condutor.

Noticias web

03/05/2019