CRTVG

Buscar

Morre un home no Incio atrapado no fuso do tractor

Publicado o 21/02/2019 13:54

Era onte á media tarde cando un veciño do lugar de Airexe, na parroquia da Cervela, no Incio, falecía logo de quedar atrapado no fuso do tractor mentres estaba partindo a leña.

Xosé Manuel López, sarxento do parque de bombeiros de Sarria: "Pois sobre as 16.39 avisounos o 112, fomos ata alí e xa vimos un home atrapado no fuso de cortar a leña, e xa cando chegamos estaba falecida esa persoa".

O fuso co que estaba tronzando a leña é semellante a este outro que hai na casa dun veciño do falecido, un apeiro que funciona co trator parado pero co motor en marcha, que é o que o tracciona.

Xosé Manuel López, sarxento do parque de bombeiros de Sarria: "Presuntamente, foi un atrapamento; é unha máquina que fai rotación para ir cortando a leña, que posiblemente o fora envolvendo".

Nesta mesma parroquia hai seis anos morrera outro veciño cando lle envorcou o tractor, a causa máis frecuente de morte nos accidentes con este vehículo.

Xosé Manuel López, sarxento do parque de bombeiros de Sarria: "Non, o tractor non estaba envorcado; é un aparato rotativo e se te engancha vaite metendo para dentro".

Nos últimos tres anos morreron en Galicia 56 persoas implicadas en accidentes con tractores, malia a campaña que se puxo en marcha o ano pasando con recomendacións para evirtar estes accidentes, como usar sempre unha cabina homologada de protección, evitar distraccións e nunca ter un exceso de confianza.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/02/2019