Cuba recoñece a primeira vítima mortal nas protestas, que seguen malia a represión
• O Goberno evita cualificar o réxime cubano de ditadura
• O PP acusa a Sánchez de tibieza con Cuba pola súa dependencia de Podemos
O estalido social semella imparable en Cuba, onde se suceden as manifestacións contra o goberno de Díaz-Canel. A resposta das autoridades é armar poboación civil e aumentar a presenza policial nas rúas.
A primeira vítima recoñecida oficialmente é un home de 36 anos que faleceu nun enfrontamento cos axentes no sur da Habana.
O réxime minimiza a dimensión destas protestas e fala de "disturbios nun barrio habaneiro". O ministro de Exteriores, Bruno Rodríguez, acusa a Europa de cinismo e pide un "raseiro xusto" para Cuba. "Vin esceas realmente fortes de violencia policial e represión en capitais europeas", di o ministro.
Observadores internacionais falan de 300 detidos, entre eles xornalistas e youtubers que se erixiron en voces críticas co réxime. A desinformación e o corte de Internet impiden saber o paradoiro dos centos de desaparecidos. Mentres, o país segue sumido nunha crise económica e sanitaria da que o goberno culpa os Estados Unidos.
Alí, os cubanos exiliados saíron ás rúas para apoiar as protestas en Cuba. Dende Nova Jersey a Miami, onde os manifestantes cortaron durante oito horas unha autoestrada para pedir a fin do réxime castrista.