CRTVG

Buscar

Morre un veciño de Arteixo nunha liorta durante a celebración da Noitevella nun hotel de Oleiros

Publicado o 01/01/2020 13:22

 

Inicio de ano tráxico no concello coruñés de Oleiros. Alí morreu un mozo de 31 anos nunha lea entre dúas familias.

O novo ano comezou cun suceso lutuoso neste concello coruñés de Oleiros. Contra as seis da mañá, un mozo duns trinta anos falecía nos salóns do aparthotel das Galeras, en Bastiagueiro, onde se hospedaban dous grupos para celebrar a Noitevella.

Por razóns que se descoñecen de momento, iniciouse unha liorta entre varias persoas que rematou coa morte do home. Tras unha chamada ao 112 alertando dunha persoa ferida, ao lugar desprazábase persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias 061 e axentes da policía local e da Garda Civil, que non lograron salvar á vítima pese aos intentos de reanimación.

Tras confirmarse o falecemento, ás dez da mañá producíase o levantamento do cadáver, que foi trasladado ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña para realizarlle a autopsia e determinar as causas exactas da morte.

Tamén se procedeu á detención de dúas persoas que foron conducidas ao cuartel da Garda Civil de Lonzas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

01/01/2020