CRTVG

Buscar

Morre un home en Nigrán cando realizaba unha poda na súa leira

Publicado o 08/02/2019 21:44

Estaba podando unha árbore nunha parcela da súa propiedade e morreu ao caerlle unha póla enriba. Foi este venres en Nigrán. Pero non foi o único accidente desta semana. O mércores no concello das Nogais falecía outro home mentres realizaba labores forestais. E o martes un traballador perdía a vida en Brión cando realizaba unha corta. Tres falecidos nos últimos días, e sete desde que comezou este 2019. "A corta de madeira xa é en si un traballo moi perigoso e moitas veces prodúcense accidentes por exceso de confianza. Nós estamos procurando día a día mellorar os traballos pero son traballos de perigosidade máxima. Cando estás nunha corta sempre o perigo vén de arriba a maioría das veces. Na caida das árbores é onde se producen máis accidentes. Moitas veces por despiste, porque non se ven as pólas que están enriba, así se producen os accidentes", di Xosé Manuel Rial, xerente Forestal Rial.

Desde a Administración apuntan que as cortas son as operacións máis perigosas no sector forestal. Recomendan elaborar un plan de seguridade específico para cada ocasión.
"Hai que ir ao monte para ver de que especie se trata porque non é o mesmo un eucalipto que un pino. Non é o mesmo a utilización da maquinaria, a súa complexidade. Os traballadores deben estar formados e informados. Debe haber unha coordinacion previa proque a seguridade aí depende de todos", asegura Adela Quinzá, directora do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia.

O sector forestal é, despois do da construción o que ten maior índice de sinistralidade laboral.

Noticias web

08/02/2019