CRTVG

Buscar

Morre un home en Castro Caldelas tras envorcar o tractor que conducía

Publicado o 14/09/2020 19:59
Morre un home en Castro Caldelas tras envorcar o tractor que conducía

Un home perdeu a vida este luns á tarde en Castro Caldelas (Ourense), despois de que o tractor que manexaba caera por un desnivel e envorcase. Para liberalo, foi necesaria a intervención dos servizos de emerxencia, posto que o home acabou atrapado entre o vehículo e unha parede.

Os feitos sucederon no lugar de Casanova, ao fío das 15:00 horas. Nese momento, unha persoa particular contactou co 112 Galicia para informar do accidente. Os xestores do 112 Galicia solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou ata unha zona próxima ao sinistro un helicóptero medicalizado. Ademais, o persoal de emerxencias requiriu a actuación no operativo dos Bombeiros de Monforte de Lemos, do GES de Castro Caldelas, dos axentes da Garda Civil e dos voluntarios de Protección Civil da localidade.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, unha vez que os servizos de emerxencia liberaron o home, os efectivos médicos nada puideron facer por salvarlle a vida.