CRTVG

Buscar

O Sergas desmente que un home de 74 anos de Lalín morrese por falta de asistencia médica

Publicado o 03/03/2020 19:17
O Sergas desmente que un home de 74 anos de Lalín morrese por falta de asistencia médica

Un home de 74 anos de idade faleceu na noite de luns por complicacións nas patoloxías cardiorrespitarias que padecía. Fíxoo no Punto de Atención Continuada (PAC) do centro de saúde de Lalín (Pontevedra), ao que foi trasladado por unha ambulancia desprazada desde Chantada, a 40 quilómetros de Catasós, a parroquia lalinense onde residía e á que tardou 36 minutos en chegar a dotación de Urxencias Sanitarias 061.

Segundo confirmou a Europa Press fontes de Urxencias Sanitarias 061, a central de coordinación recibiu unha chamada ás 21.09 horas do pasado luns en que solicitaban medios para atender un home na parroquia de Catasós. O paciente estaba afectado de "varias patoloxías" e presentaba un empeoramento da súa situación nas últimas semanas "de forma progresiva". No momento da chamada, que se produciu cando xa non estaba en funcionamento o vehículo de apoio do 061 para a zona, as dúas ambulancias que prestan servizo na comarca, unha con base en Lalín e a outra en Silleda, atopábanse trasladando pacientes ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), polo que a central de Emerxencias mobilizou unha ambulancia de soporte vital básico de Chantada por ser a máis próxima.

A ambulancia chegou ao domicilio do falecido 36 minutos despois de recibir o aviso, como recoñece Urxencias Sanitarias 061, que apunta que, desde o momento da chamada, un médico coordinador especialista en urxencias atendeu o paciente. Segundo o 061, ás 21.16 horas, infórmase desde a chamada de que o estado do paciente empeorara, polo que pasa a considerarse unha situación de emerxencia sanitaria. A ambulancia chegou ao lugar ás 21.35 horas e procedeu ao traslado do paciente ao PAC de Lalín, onde faleceu ao fío das 22.00 horas por complicacións no seu cadro.

O Sergas nega que o paciente non recibira asistencia médica

O Sergas nega que o paciente que morreu o luns no Punto de Atención Continuada de Lalín non recibira asistencia médica, como denunciou o Partido Socialista desta localidade. Desde a Central de Emerxencias do 061 din que recibiron a chamada de que o home de 74 anos de Lalín necesitaba asistencia. Mobilizouse unha ambulancia de Chantada porque as do Deza estaban trasladando outros pacientes.

Pasados 7 minutos da chamada din que o paciente empeora polo que, segundo asegura o 061, pasan a consideralo situación de emerxencia sanitaria. 9 minutos despois a ambulancia trasladou ao enfermo ao PAC de Lalín, alí, falece segundo o sergas polas complicacións nas patoloxías que padecía e tras recibir asistencia por un equipo completo de médico e persoal de enfermaría.