CRTVG

Buscar

Morre un home atropelado por un camión na N-550 á altura de Oroso

Publicado o 24/07/2019 17:12

Eran as cinco e cuarto da mañá cando o 112 recibía o aviso. Un cidadán portugués de 45 anos de idade perdía a vida despois de ser atropelado por un camión no quilómetro 47 da N-550, á altura de Oroso. Ata o lugar desprazáronse efectivos de urxencias sanitarias, tráfico e bombeiros, que só puideron confirmar o falecemento.

"Ás seis da mañá levanteime ao servizo e vin as luces. Os coches poñían o intermitente de emerxencia", asegura un veciño.

O home circulaba sen chaleco e pola propia estrada, a pesar de contar cunha vía de servizo habilitada para iso. Isto, unido á intensa néboa coa que amencía, puido ser a causa do atropelo, ao non conseguir esquivalo a tempo. No momento do sinistro, ía acompañado doutro home que puido saír ileso. As hipóteses de Tráfico apuntan a que volvían dun establecemento da zona.

"Claro que había moita néboa entón o camión se non levaban chalecos non os puido ver, porque había demasiada néboa", di outro veciño.

Trátase do segundo caso destas características en menos de 24 horas. Onte, unha señora falecía na Coruña tras ser atropelada por un tráiler cando estaba a cruzar unha rúa do centro da cidade.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí