CRTVG

Buscar

Morre un home ao caer co seu coche ao mar en Bueu

Publicado o 23/07/2021 12:41

Un home faleceu esta madrugada en Bueu tras caer co seu coche ao mar desde o porto da localidade. Trátase dun veciño de Beluso de 86 anos.

O sinistro, segundo informa o 112 Galicia, produciuse contra as cinco da madrugada na zona en que se sitúan os barcos de pasaxeiros cara á illa de Ons.

Cando os axentes da Policía Local chegaron ata o lugar viron que o coche estaba totalmente afundido.

Dous mergulladores de Salvamento Marítimo foron os encargados de rescatar o corpo, pero, a pesar dos esforzos dos equipos de emerxencias, nada se puido facer por salvarlle a vida.

Segundo a Policía Local de Bueu, unha das testemuñas asegurou que a vítima estaba gardando unha banqueta para pescar no maleteiro do coche, e que, xusto despois, xa dentro do vehículo, fixo unha manobra estraña e caeu ao mar. Con todo, a coidadora que atendía o ancián no seu domicilio asegura que non era pescador e non se explica que facía a esas horas no peirao.

Pouco despois do mediodía, os equipos de rescate conseguían sacar o coche do fondo do mar. O xulgado número 1 de Marín leva a investigación do caso.