CRTVG

Buscar

Morre un condutor en Cedeira tras sairse da vía o vehículo no que viaxaba

Publicado o 31/03/2019 15:31

As estradas volven deixar novas tráxicas. Un home faleceu esta noite ó sairse da vía co seu vehículo en Cedeira.

Sobre as once e media da noite unha chamada do 112 alertaba aos efectivos de Protección Civil de Cedeira dun accidente grave na parroquia de San Cosme de Piñeiro. Alberto Díaz García / Xefe de Protección Civil de Cedeira "Ao chegar ao lugar do accidente o persoal médico do 0061 non dixo que non había nada que facer. Estivemos no lugar ata a chegada do forense e a retirada do cadáver. Despois procedimos á limpeza da vía."

O todoterreo que conducía a vítima circulaba en dirección Cedeira pola estrada AC-566. Despois de pasar o polígono de Trabe, o home perdeu o control ao saír dunha curva. O vehículo deu varias voltas de campá e finalmente acabou fóra da vía. O condutor faleceu no acto. A Garda Civil investiga as causas do accidente.

Alberto Díaz García / Xefe de Protección Civil de Cedeira "As posibilidades son dúas, a alta velocidade ou tamén puido ser un despiste. Nesta estrada a velocidade está limitada a noventa quilómetros por hora."

As primeiras pesquisas indican que circulaba sen o cinto de seguridade. O cadáver foi trasladado ao Hospital Naval de Ferrol, onde este mediodía se lle practicou a autopsia. O falecido tiña corenta anos e era patrón dun barco de pesca con base no porto do Cedeira.


Noticias web

31/03/2019