CRTVG

Buscar

Morre un bañista duns 40 anos nunha praia de Barreiros por unha parada cardiorrespiratoria

Publicado o 23/08/2020 16:22

O home estaba na praia do Acantilado coa auga ata os xeonllos cando sufriu a indisposición. Foi caer xusto aos pés da socorrista, que foi a primeira en practicarlle as manobras de recuperación. Finalmente os esforzos foron en van.

A vítima, duns corenta anos de idade, tiña neste concello lucense de Barreiros a súa segunda residencia. No momento do suceso estaba acompañado de membros da súa familia, que quedaron moi conmocionados.

Ata o lugar desprazáronse os equipos de emerxencia. A zona foi acordoada ata a chegada do xuíz forense desde Lugo, para evitar a mirada de curiosos porque todo ocorreu nunha xornada dominical coa praia moi concorrida.

A pouca distancia, no areal Fontela-Balea outros dous bañistas precisaron da axuda dos socorristas para saír da auga. Un deles foi evacuado ao hospital de referencia para a súa valoración.