Morre un apicultor pola picada dunha avespa velutina
A picadura dunha avéspora velutina matou o único residente desta casa de Reborido cando practicaba a súa afección de apicultor.
A vítima é Daniel García Doval, de 54 anos de idade. Este domingo, preto do mediodía e acompañado dun amigo, foi revisar unha das colmeas situadas onda a casa, probablemente sen coñecer o que encerraba.
Ao destapala, unha das avespas asiáticas aniñadas dentro picouno nunha cella. Os dous retiráronse cara á casa e en cuestión de segundos Daniel empezou a sentirse mal, sufriu un inchazo grande e desmaiouse. Como afeccionado á apicultura, tiña levado moitas picaduras de abella, pero a da velutina de onte foi fatal.
Segundo nos contou unha veciña deste lugar pertencente ao concello de Santiago, ao sitio chegou unha ambulancia, pero Daniel xa morrera. Engadiu que o falecido era moi activo na loita contra a avéspora velutina, como reflicten as trampas instaladas arredor da súa casa. Preto da vivenda a única actividade que se vía esta mañá era a das abellas.