Morre tras bater coa súa embarcación contra unha batea na Illa de Arousa
Un triste suceso que conmocionou hoxe a Illa de Arousa. Dous mariñeiros, tío e sobriño, regresaban a porto logo de faenar á navalla e, por un descoido fatal, bateron brutalmente contra unha batea. A causa do forte golpe morreu o menor dos ocupantes. Seu tío resultou ferido. Outro mariñeiro que estaba no lugar trasladounos á terra.
Os danos que o impacto deixou na proa da embarcación falan da violencia do choque. O maior dos mariñeiros, de 49 anos, que resultou ferido, pilotaba a lancha. Seu sobriño, de 32, sentado diante do volante, saiu despedido coa colisión e bateu contra a estrutura metálica dun xerador eléctrico. Preto da batea onde se produciu o sinistro traballaba outro mariñeiro, que presenzou o suceso. Axiña se achegou ao lugar e cun cabo revocou a lancha sinistrada cara o peirao de Cabodeiro.
Os servizos de emerxencia nada puideron facer por salvarlle a vida ao menor dos mariñeiros. Seu familiar foi trasladado ao hospital, en principio con ferdidas que non revisten gravidade. Ambos retornaban a porto para deixar a colleita de navalla e longueirón dunha xornada de marisqueo. Axentes da garda civil do mar investigan as circunstancias do accidente, aínda que todo apunta a un descoido fatal por parte do piloto.