Morre o empresario vigués Alfonso Paz-Andrade nun accidente de tráfico
O histórico empresario Alfonso Paz-Andrade faleceu este luns, aos 80 anos, nun accidente de tráfico ocorrido en Gondomar, o concello en que vivía.
Segundo informa o 112, o seu coche bateu contra unha vivenda no lugar da Area pouco antes das 15:30 horas. O home, que viaxaba só, quedou atrapado no vehículo.
Fillo do intelectual galeguista Valentín Paz-Andrade, fundou en 1970 a empresa Ibercisa e seis anos máis tarde incorporouse a Pescanova. No 2006, abandonou a compañía por diferenzas co seu presidente Fernández de Sousa.
Durante a súa dilatada traxectoria profesional, que o mantiña aínda activo, participou na fundación doutras empresas, como a aseguradora A Navieira ou o Instituto Galego de Información. Tamén foi o impulsor da celebración en Vigo da World Fishing Exhibition.