CRTVG

Buscar

Morre o director dun hospital de Wuhan polo coronavirus, cuxa epidemia se achega aos dous mil mortos

Publicado o 18/02/2020 08:29

Morre o director dun hospital de Wuhan, cidade foco do covid-19. Segundo os medios do país, é o primeiro director de hospital que falece polo coronavirus. Precisamente o alto risco para o persoal médico é unha das conclusións do maior estudo sobre a doenza ata agora divulgado. Realizárono as autoridades sanitarias chinesas, e analiza máis de setenta mil casos. Conclúe que o oitenta por cento foron leves, que os afectados son persoas maiores ou con doenzas previas e sitúa a taxa de mortandade xeral no 2,3 por cento.


O estudo tamén afirma que hai unha lixeira baixada de novos casos, unha aseveración que a Organización Mundial da Saúde pide tomar con cautela. Os últimos datos oficias informan doutras 98 vítimas mortais, co que son 1.868 os falecidos en total. Todo apunta a que a epidemia suporá o adiamento da Asemblea Nacional do Pobo, o gran evento político anual do país. Un terzo dos seus delegados están a traballar para conter a expansión da doenza, mentres China agarda volver ao traballo logo dunhas vacacións de aninovo ampliadas polo covid-19 que xa teñen consecuencias económicas confirmadas: Apple admitiu que non cumprirá cos seus prognósticos para o primeiro trimestre. Os ministros do Eurogrupo din estar atentos ao que sucede e recoñecen a incerteza, tamén confían en que de haber impacto na moeda única sexa temporal.

Noticias web

18/02/2020