Morre o deseñador francés Pierre Cardin aos 98 anos de idade
Naceu como Pietro Cardin en Italia, pero moi pronto se convertería, xa en París e con 23 anos, en Pierre Cardin, neste que debuxa, que cose, que encheu de futuro a moda en tempos de posguerra.
Unha ollada futurista á que non renunciaría xamais. A que albiscaba nos seus comezos cando traballou para Cristian Dior e a que o identifica desde que en 1950 fundou a súa propia marca.
Ollada futurista nas chaquetas duns Beatles aos que tamén revolucionou. En deseños inspirados na era espacial. En cores e formas xeométricas que se adiantaban a todos os tempos. Foi esa ollada, probablemente, a que o converteu no pioneiro da moda unisex e do prêt-à-porter. "O poder non está na alta costura, está na rúa", diría Cardin nunha das tantas reflexións que sobre a moda nos deixa.
Quixo levala ao cine e conseguiuno, quixo levala ao teatro e tamén o conseguiu. Conquistou Asia e o mundo. Creou un imperio. Pierre Cardin e a súa moda do futuro.
O presente déixanos sen el, sen agulla visionaria que seguía fiando aos 98 anos de iade. Porén, os seus deseños, non podía ser doutro xeito, teñen aínda moito futuro.