CRTVG

Buscar

Morre o actor Arturo Fernández aos 90 anos

Publicado o 04/07/2019 14:57

O actor e empresario teatral xixonés Arturo Fernández faleceu hoxe aos 90 anos nun hospital madrileño no que ingresara para unha operación, informaron fontes próximas ao intérprete.

O popular actor ingresara no hospital onde foi operado na mañá do 2 de abril e non puido superar o posoperatorio, segundo as mesmas fontes. Fernández estaba de xira coa comedia "Alta sedución" e tivera que suspender en Zamora, onde estaba programado para os pasados 22 e 23 de marzo, e pospoñer a prevista en Valencia para o 17 de abril.

A súa capela ardente instalarase mañá a partir 16:00 horas no Teatro Jovellanos de Xixón. O funeral e o enterro serán este sábado na cidade asturiana.

O galán eterno da esecea española

Arturo Fernández dedicou 68 anos da súa vida, tras o seu debut na gran pantalla da man de Rafael Gil, ao cine, ao teatro e á televisión, onde a súa caracterísitca forma de falar e a súa elegancia o converteron no galán por antonomasia.

Nacido en Xixión en 1929, en 1949 chega a Madrid para cumprir coa súa aspiración de ser actor. En 1951 debuta na película "La señora de Fátima", na que tiña un papel secundario. Catro anos despois chegaría o filme "Las chicas de la Cruz Roja", e en 1957 con "Distrito 5" debuta como protagonista.

O seu primeiro premio foi en 1961, o do Sindicao do Espectáculo ao Mellor Actor, a quen seguiu o ano seguinte o Nacional de Interpretación.

Nos anos 60 crea a súa propia compañía de teatro, xunto a Conchita Montes e Adolfo Marsillach. En 1969 protagoniza "La tonta del bote".    

Da súa produción cinematográfica desacan "A sangre fría (Trampa al amanecer)" (1959), de Juan Bosch; "Los cuervos" (1961), de Julio Coll; "Tocata y fuga de Lolita" (1974), de Antonio Dorve, e "Desde que amanece, apetece" (2006), de Antonio del Real.

Entre as súas representacións máis aplaudidas figuran "La herencia", "Dulce pájaro de juventud", "La tercera palabra", "Todo empezó por una manzna", "Pato a la naranja", "Sencillamente un burgués", "Lecciones de amor" ou "La bruja en zapatillas".

No ano 1983 intervén na rodaxe da película "Truhanes", de Miguel Hermoso, que foi transformada en serie en 1993, pola que obtivo o Premio do círuclo de Escritores Cinematográficos, e tamén na pequena pantalla fixo popular a comedia familiar "La casa de los líos" (1996-2000).

O artista era Fillo Predilecto de Xixón e Adoptivo de Oviedo, tiña os premios do Círculo de Escritores Cinematográficos (1984), Permio Ercilla de Teatro (2000), Nacional de Teatro Pepe Isbert (2002), a Medalla do Ministerio de Cultura ao Mérito en Belas Artes (2004) ou a medalla de Ouro ao Mérito no Traballo (2013).

Estivo casado entre os anos 1967 e 1978 coa aristócrata María Isabel Marqués, con quen tivo tres fillos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

04/07/2019