CRTVG

Buscar

Morre o ministro de Emerxencias ruso ao salvar unha persoa no Ártico

Publicado o 08/09/2021 18:09
Morre o ministro de Emerxencias ruso ao salvar unha persoa no Ártico
EFE

O ministro de Emerxencias de Rusia, Evgueni Zínichev, faleceu mentres salvaba a vida dunha persoa durante uns exercicios, informou hoxe o Ministerio de Emerxencias. Segundo un comunicado oficial, citado pola axencia RIA Nóvosti, Zínichev, de 55 anos, perdeu a vida durante o cumprimento do seu deber nuns exercicios para a protección da "zona ártica de situacións emerxencias". A nota indica que o tráxico suceso tivo lugar na localidade de Norilsk, situada no Círculo Polar ártico, sen dar máis detalles.

Zínichev encabezaba o Ministerio de Situacións de Emerxencias de Rusia desde xaneiro de 2020. Segundo a cadea de televisión rusa RT, Zínichev faleceu cando tentaba salvar a vida a un cámara de televisión que se escorregou durante unha gravación e precipitouse á auga desde un precipicio. Pouco despois, o Ministerio de Emerxencias precisou que Zínichev perdeu a vida nun intento de salvar ao director de cinema Aleksandr Melnik, que se atopaba no Ártico para rodar un documental sobre o desenvolvemento da rexión. Segundo varias fontes, Melnik, gañador do premio cinematográfico ruso " Nika", non sobreviviu á caída

O presidente ruso, Vladímir Putin, foi un dos primeiros en trasladar o seu pésame pola morte de Zínichev, que cualificou dunha "gran perda". Expresou o seu profundo pesar pola tráxica morte de Evgueni Zínichev co que traballou durante varios anos. 

Copiar

Noticias web

08/09/2021