CRTVG

Buscar

Morre Forges, o xenial humorista gráfico que fixo da actualidade un chiste serio

Publicado o 22/02/2018 16:06

 

Forges faleceu esta madrugada en Madrid vítima dun cancro de páncreas. Aínda que naceu en Madrid, sempre se sentiu galego, e ata A Fonsagrada, a terra do seu pai, regresaba con frecuencia para, como dicía el, descansar e marchar coas pilas cargadas.

Esta viñeta, publicada hoxe, pon punto e final a 50 anos ininterrompidos de debuxos diarios. Forges esbozou os seus primeiros trazos cando era un adolescente, e fíxoo seguindo ao pé da letra o consello que lle dera seu pai; traballar con respecto, humor e orixinalidade. Aínda que naceu en Madrid, sempre se considerou galego, e non era estraño velo na Fonsagrada, a terra do seu pai. Dicía que a luz, a proximidade ás nubes e o osíxeno facían que os habitantes deste recuncho foran falangueiros e ocorrentes, xustificando así a súa xenialidade.

Forges conseguiu retratar como ninguén, botando man da ironía e a tenrura, o último medio século da historia de España. Creou personaxes inesquecibles e deixounos palabras novas que saltaron das viñetas á rúa en pouco tempo como "bocata" ou "muslamen". Ademais dos seus debuxos diarios, Forges tamén foi autor de numerosos libros, dirixiu dúas películas, varias series de humor para televisión e mesmo escribiu unha novela. A súa morte enche de condolencias as redes sociais, pero tamén condúcenos a  mirar novamente algúns dos seus debuxos e despedilo con ese sorriso intelixente que sempre soubo arrincar entre os lectores.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/02/2018