Telexornal Serán
Morre Forges, o humorista gráfico que mellor retratou a sociedade española dos últimos 50 anos
Publicado o 22/02/2018 21:42
Forges faleceu esta madrugada en Madrid vítima dun cancro de páncreas. Aínda que naceu en Madrid, sempre se sentiu galego, e ata á Fonsagrada, a terra do seu pai, regresaba con frecuencia para, como dicía el, descansar e marchar coas pilas cargadas.
Forges esbozou os seus primeiros trazos cando era un adolescente, e fíxoo seguindo ao pé da letra o consello que lle dera seu pai; traballar con respecto, humor e orixinalidade. Aínda que naceu en Madrid, sempre se considerou galego, e non era estraño velo na Fonsagrada, a terra do seu pai. Dicía que a luz, a proximidade ás nubes e o osíxeno facían que os habitantes deste recuncho foran falangueiros e ocorrentes, xustificando así a súa xenialidade.
Forges conseguiu retratar como ninguén, botando man da ironía e a tenrura, o último medio século da historia de España. Creou personaxes inesquecibles e deixounos palabras novas que saltaron das viñetas á rúa en pouco tempo como "bocata" ou "muslamen". Ademais dos seus debuxos diarios, Forges tamén foi autor de numerosos libros, dirixiu dúas películas, varias series de humor para televisión e mesmo escribiu unha novela. Traballou ata o último momento. Hoxe publicábase a súa última viñeta. A morte de Forges enche de condolencias as redes sociais, pero tamén nos conduce a mirar novamente algúns dos seus debuxos e despedilo con ese sorriso intelixente que sempre soubo arrincar entre os lectores.