CRTVG

Buscar

Morre atropelado un home de 77 anos que camiñaba pola autovía da Costa da Morte

Publicado o 12/10/2017 10:48

 Un veciño da parroquia de Valenza, en Coristanco, morreu tras darlle un  golpe un coche cando camiñaba pola autovía AG-55. Todo apunta a que a vítima se desorientou e foi camiñando por unha vía en que está prohibido o acceso de peóns.

O accidente tivo lugar minutos despois das nove da noite no quilómetro 46,100 da autovía da Costa da Morte, moi preto da Agualada, no concello de Coristanco. Segundo nos contaron na zona, a vítima adoitaba ir camiñando ata o lugar da Mata, pero onte púxose a andar pola autovía AG-55, na que puido meterse por este punto. A entrada conta coa sinalización que advirte de que os peóns teñen prohibido o acceso.

A pouco máis dun quilómetro un coche que circulaba en sentido Fisterra deulle un golpe, probablemente co retrovisor dereito, e como consecuencia do impacto morreu. A vítima, de nome José, tiña 77 anos e era veciño da parroquia de Lestón, en Coristanco.

Testemuñas consultadas sinalan como moi probable que a causa da súa desorientación e conseguinte entrada fatal na autovía fose a inxesta de alcol.

Ao lugar do accidente acudiron efectivos da Garda Civil de Tráfico, sanitarios e do grupo de urxencias de Ponteceso. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/10/2017