CRTVG

Buscar

Morre aos 93 anos o historiador e astrónomo ferrolán José Luis Comellas

Publicado o 23/04/2021 18:16
Morre aos 93 anos o historiador e astrónomo ferrolán José Luis Comellas

O historiador e astrónomo José Luis Comellas, de 93 anos, faleceu hoxe en Sevilla, onde ten dedicada unha rúa desde hai dez anos polas súas achegas á astronomía. Nado en Ferrol e pai de catro fillas, Comellas foi un referente para os astrónomos e para os estudantes de Historia, aínda que tamén abordou nas súas obras aspectos musicais.

Autor de máis de corenta libros, destacan o seu 'Guía do firmamento', editada sete veces. Ademais, é descubridor de 20 novas estrelas dobres e publicou a primeira edición en español do Catálogo Messier. Profesor emérito da cátedra de Historia da Universidade de Sevilla e doutor 'honoris causa' pola universidade arxentina de Cuyo (Mendoza), en 1967 publicou 'Historia de España moderna e contemporánea', que alcanzou oito edicións.

Escritor incansable, en 2012 publicou 'A primeira volta ao mundo', en que fai achegas como que o fenómeno meteorolóxico El Niño influíu na navegación cando a Armada da Especiería percorría o Pacífico. En 1991 publicou 'O ceo de Colón: técnicas navais e astronómicas na viaxe do descubrimento', onde mestura as súas dúas paixóns: o relato dunha viaxe histórica e as constelacións.