CRTVG

Buscar

Morre afogada na piscina da súa casa en Barreiros

Publicado o 09/09/2019 21:57

Unha muller de 59 anos de idade apareceu morta na piscina dunha urbanización de Barreiros. O corpo da falecida, veciña de Madrid, foi trasladado ao hospital de Lugo para practicarlle a autopsia. Foi un veciño quen se decatou da presenza do cadáver na piscina mentres pasesaba pola zona.

Foi nesta piscina dun bloque de vivendas para veraneantes en San Pedro de Benquerencia, no concello de Barreiros, onde morreu unha muller de 59 anos de idade e veciña de Madrid. O corpo da falecida estaba aboiando boca abaixo cando foi detectado por un habitante da zona que estaba a pasear co seu can. O home deu aviso ao 112 e ata o lugar desprazáronse un vehículo sanitario e unha dotación dos bombeiros. O único que se puido facer foi sacar o cadáver da auga posto que a muller xa estaba morta e xa era tarde para tentar reanimala.

Agora o cadáver foi trasladado ata o Hospital Lucus Augusti, onde se lle vai practicar a autopsia para determinar as causas polas que se produciu o falecemento. En principio, o corpo non presentaba sinais de violencia.

Na urbanización hai moi poucos veciños incluso nesta época, polo que ninguén se atopaba na piscina cando se produciu o suceso. A muller estaba a pasar os últimos días das vacacións ela soa. Dado que non baixou os seus efectos persoais, a Garda Civil tardou en identificala porque ninguén da zona puido dar referencias dela. Os seus familiares xa se desprazaron dende Madrid a Barreiros para facerse cargo do cadáver en canto remate a autopsia.


Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí