CRTVG

Buscar

Moreno Bonilla toma posesión como presidente da Junta de Andalucía

Publicado o 18/01/2019 19:55

Juan Manuel Moreno Bonilla tomou posesión do seu cargo como presidente da Junta de Andalucía, o primeiro que non pertence ao Partido Socialista. No seu primeiro discurso tras xurar o cargo, prometeu belixerancia activa fronte aos que queren romper España. Tamén houbo referencias ao diálogo e o entendemento.

Este era o momento en que Juan Manuel Moreno Bonilla se convertía en presidente da Junta de Andalucía, o primeiro non socialista da historia da democracia. No seu discurso, o xa presidente andaluz comprometeuse coa creación de emprego, coa prosperidade de Andalucía e coa igualdade real entre homes e mulleres. Tamén incidiu na defensa da mocidade. Moreno Bonilla ofreceu entendemento leal dentro da lei e prometeu dar a batalla en defensa da unidade de España.
Á toma de posesión de Moreno Bonilla asistiron máis de mil persoas, entre elas a plana maior do Partido Popular. Mariano Rajoy, Pablo Casado e Soraya Sáenz de Santamaría coincidiron por primeira vez dende o congreso do PP. Tamén estivo o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. En representación do Goberno estivo a ministra de Política Territorial, Meritxell Batet. O luns, o presidente andaluz presentará unha auditoría para analizar o estado das contas da Administración e do resto de entes públicos. O mesmo día, tamén dará a coñecer a composición do seu Goberno.

 

Noticias web

18/01/2019