CRTVG

Buscar

Moraña, con 13 casos e subindo, no punto de mira do comité clínico

Publicado o 20/05/2021 15:02

"Creo que foi o 3 de maio, tiñamos un caso de incidencia e de repente disparáronse os contaxios", comenta unha concelleira de Moraña. Temen que lles volva pasar o mesmo que en febreiro cando a súa incidencia estaba por riba dos 1.500 casos. Por iso hoxe e mañá case 1.000 veciños están convocados para faceren unha PCR. Van poñer o acento en dous grupos de idade.

"De 15 a 29 e de 40 a 49 porque o Sergas detecta que nesa franxa de idade é onde se están detectando os contaxios", informa José Cela, alcalde de Moraña. Agora mesmo teñen 13 casos activos e subindo.

"Non hai que buscar culpables porque a culpa témola todos, cada un ten que ser responsable dos seus actos",  " Eu vexo que vas a moitos outros sitios e incluso pola rúa e ves xente que segue andando sen máscara e se lle dis algo, chámanche a atención a ti aínda por riba", "Ata o de agora estabamos moi relaxados, estabamos moi tranquilos pero está claro que non se pode baixar a garda", apuntan unhas veciñas.

Preocupa o peche interior dos locais, xa que en Moraña poucos dispoñen de terraza. "Nós se nos deixan só coa terraza temos tres mesas para traballar. Temos que pechar a porta e ir para casa, outra vez", explica unha camareira.

As persoas contaxiadas que o precisen poden contar con axuda. "Pois para levarlles medicinas á casa, para levarlles incluso a compra e para recollerlles o lixo. Simplemente teñen que chamar ao concello e nós eses servizos ofrecémosllelos a través do persoal propio e de Proteción Civil", informa o alcalde.

Noticias web

20/05/2021