CRTVG

Buscar

Morales aterra en México como asilado político e dálle as grazas a López Obrador por "salvarlle a vida"

Publicado o 12/11/2019 20:35

O avión en que viaxou Evo Morales, acompañado polo seu fillo e o ex-vicrepresidente Álvaro Linera, aterrou en México ao redor das seis da tarde, hora galega, tras un longo periplo xa que varios países se negaron a ceder o seu espazo aéreo por motivos políticos. O ex-presidente de Bolivia volveu denunciar o que considera un golpe de Estado.

Evo Morales, ex-presidente de Bolivia: "Lamentablemente, ao golpe político, cívico, sumouse a policía nacional".

Marcelo Ebrard, ministro de Exteriores de México: "E, en fin, xa está aquí, en terras mexicanas, onde gozará de liberdade, integridade e protección a súa vida".

Tras a saída de Morales, en Bolivia convocouse unha sesión extraordinaria do Parlamento para elixir un presidente interino. Segundo a Constitución, correspóndelle á segunda vicepresidenta do Senado, a opositora Jeanine Áñez. Pero o nomeamento terá que ser aprobado por maioría absoluta. Os parlamentarios do partido de Morales pediron garantías para poder asistir ao pleno.

Jeanine Añez, vicepresidenta do Senado: "Vandalismo, atropelos, nin un só boliviano quere máis, eu apelo a todos a que non volvamos pasar a situación tan dramática, a situación de terror que vivimos onte".

As protestas provocadas pola fraude electoral do 20 de outubro deixan catro mortos e máis de catrocentos feridos.

Noticias web

12/11/2019