CRTVG

Buscar

Monxas miguelianas acusan o capelán que destapou o caso de urdir unha “montaxe”

Publicado o 16/02/2018 14:30

• Rompen o seu silencio para negar os abusos sexuais 

• Miguel Rosendo, fundador da orde, leva en prisión desde 2014

Tres ex-consagradas miguelianas, a nora de Miguel Rosendo e tres sacerdotes quixeron falar hoxe para defender a inocencia de Rosendo e a súa propia. Insisten en que a Orden y Mandato de San Miguel Arcángel non era ningunha seita e que non houbo abusos contra os seus membros. Din que todo é unha montaxe orquestrada polo capelán que denunciou os supostos abusos.

As tres ex-consegradas miguelianas, investigadas na causa, quixeron defender a Miguel Rosendo, a quen cualifican como un pai de familia. Son Marta Paz, coñecida como bastón ou man dereita de Rosendo, Ivana Lima, ex-superiora das entón consagradas, e Iria Quiñones. Negaron calquera tipo de abuso nunha conferencia de prensa en que estiveron tamén presentes a nora de Rosendo e tres sacerdotes que apoian a súa defensa. 

Tanto as ex-consagradas como os sacerdotes manteñen que todo é unha montaxe ideada polo sacerdote que destapou o que presuntamente sucedía en Orden y Mandato de San Miguel Arcángel. Din que conseguiu implicar as súas familias para que denunciaran.

Orden y Mandato chegou a contar con 400 membros que tiñan a súa sede nun chalé coñecido como a casa nai en Santa María de Oia. Miguel Rosendo foi detido en Madrid en 2014. En total hai 17 procesados nesta causa que investiga, entre outros, presuntos delitos de abusos sexuais, asociación ilícita e branqueo de capitais.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/02/2018