Montero: "Haberá peaxes nas autovías cando a recuperación sexa unha realidade"
• Voces do PSdeG opóñense ao pagamento por circular polas estradas
• O Goberno considera introducir peaxes en todas as estradas estatais e rexionais
A ministra de Facenda e portavoz do Goberno, María Jesús Montero, sitúa a implantación das peaxes nas autovías españolas "cando a recuperación sexa unha realidade", polo que considera o ano 2024 como "data tentativa" para executar esta medida.
A iniciativa forma parte do paquete de reformas estruturais que o Goberno central presentoulle á Unión Europea para recibiren os fondos comunitarios asociados ao Plan de recuperación e resiliencia.
Segundo declarou tras presentar o Plan industrial de Alcalá de Guadaíra 2021-2023, o establecemento de peaxes nas autovías aínda "está a estudarse" e desbotou que "se poña en marcha agora".
A ministra xustifica a proposta como xeito de procurar "un modelo para homologar o mantemento das estradas cos países veciños da Unión Europea" e admite o 2024 como data posible para facela realidade. "Oxalá (nese momento) o crecemento do PIB sexa o previo á pandemia", desexa.
Dende a Xunta pídenlle ao Goberno que aclare esta proposta porque non van consentir que se grave aínda máis a Galicia.
Mobilidade sostible
Montero asegura que o Goberno traballa no "impulso definitivo de iniciativas estratéxicas de mobilidade sostible". Neste sentido, concreta o investimento de 10.000 millóns de euros en tres anos para puntos de recarga de vehículos e o impulso do transporte urbano e de proximidade, dentro da aspiración de contar con "alternativas ao vehículo particular".
Este proxecto, que pretende alcanzar "unha mobilidade sostible para combater a agresión ao medio ambiente", inclúe a implantación de peaxes. Porén, subliña, executarase con "diálogo e consenso", atributos que describiu como "sinal de identidade do meu Goberno".
O RACE rexeita máis peaxes
O Real Automóbil Club de España (RACE) oponse á medida do Goberno ao considerar que repercute no peto dos condutores, que “xa achegan preto de 30.000 millóns de euros ás arcas do Estado entre impostos directos, indirectos e taxas”.
Entende que implantar o pago por uso nas estradas pode supoñer ademais un serio perigo, xa que moitas persoas poderían optar por buscar vías alternativas de balde que son máis perigosas. Neste sentido, o director de seguridade viaria do RACE, Antonio Lucas, lembra que o 78 % dos accidentes mortais prodúcense neste tipo de estradas.
Segundo unha enquisa recente realizada polo club, tres de cada catro condutores opóñense a pagar baixo ningún concepto e oito de cada dez pensa que o tráfico se derivará a vías secundarias, algunhas con déficit de mantemento e conservación.
Oposición de Facua
A organización de consumidores Facua tamén rexeita a proposta. Nun comunicado, considera que "o mantemento das estradas estatais debe financiarse a través dos Orzamentos Xerais do Estado", non cunha peaxe que "supón un pago por igual, sen ter en conta criterios de renda ou de capacidade económica".
Na súa opinión, "terminará afectando máis os usuarios que teñen menos poder adquisitivo, que sufrirán un prexuízo maior para poder facer uso de vías que son de titularidade pública".
A taxa significaría "un claro prexuízo para aquelas persoas que non viven en grandes núcleos urbanos, que teñen que usar estas vías de forma habitual para os seus desprazamentos a centros de traballo, colexios ou hospitais", salienta.
Ademais, subliña que de seren o impacto ambiental un dos motivos para xustificar o tributo, o Executivo debe garantir "un transporte público colectivo con infraestruturas suficientes e a un prezo alcanzable como alternativa real ao vehículo privado".