CRTVG

Buscar

Mónica Permuy: "Os menores son unha responsabilidade de toda a sociedade, non só da familia"

Publicado o 31/01/2020 12:49

Mónica Permuy, psicóloga e directora da Fundación Meniños, foi entrevistada esta mañá no 'Bos días' da Televisión de Galicia sobre o maltrato infantil.

"O maltrato infantil segue sendo un problema grave na nosa sociedade", porque "os casos aumentan, non diminúen", comezou Permuy.

Ana Celia Vázquez preguntoulle polos casos máis vulnerables, sobre os que Mónica Permuy respondeu: "A vulnerabilidade ten que ver sobre todo coa idade. A etapa de 0-3 anos é unha etapa decisiva na conformación da personalidade humana, o 80% do noso cerebro confórmase nos primeiros tres anos de vida". Estes anos, segundo a psicóloga, son "a base da persoa adulta que seremos” e “canto máis pequeno é o neno, máis capacidade temos os adultos para danalo e máis consecuencias ten ese dano ao longo de toda a vida".

Sobre o maltrato por parte das figuras parentais, Permuy afirmou que "é o peor maltrato que se pode padecer, porque se os que están encargados do teu coidado e a túa protección son os que te maltratan, o efecto sobre a bioloxía e psicoloxía en construción dun neno ou unha nena é moito maior". Engadiu que non hai diferenzas se é o pai ou a nai quen provoca estas situacións de violencia, pero que as consecuencias si son diferentes nos nenos e nas nenas: "Hai estudos que reflicten unha tendencia en función da idade e do pasado dos nenos e nenas. As nenas teñen tendencia a asumir un papel máis pasivo e identifícanse coa vítima, e os nenos identifícanse co agresor", detallou.

En canto ao suceso que estalou en Baleares sobre os centros de menores en que se rexistraron supostos casos de explotación sexual, Mónica Permuy sinalou: "É a parte máis negra e vulnerable da sociedade, pero hai que ter unha mirada confiada". "O sistema de protección de menores funciona, pero como calquera sistema humano pode ter unha falla, unha brecha. Hai que ter esa consideración positiva sobre isto que pasou e que non debería de pasar, foi algo detectado e actuouse sobre isto rapidamente", rematou.

 

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

31/01/2020