CRTVG

Buscar

Mónica Martínez dáse de baixa de Ciudadanos, pero segue de edil na Coruña

Publicado o 01/06/2020 20:29
Mónica Martínez dáse de baixa de Ciudadanos, pero segue de edil na Coruña

A que era a única edil de Ciudadanos na Coruña, Mónica Martínez, deuse de baixa este luns como militante da formación laranxa, pero seguirá conservando o seu posto de concelleira para "recuperar a súa independencia política".

Nun comunicado, a tamén xornalista Mónica Martínez indicou que desexa manter "unha relación fluída" con Ciudadanos, pero continuar no Concello da Coruña "sen pertencer a ningún partido".

Así mesmo, subliña que desenvolveu "unha intensa actividade social" desde a súa elección como concelleira, estando en contacto con diversas entidades de base, "a fin de contribuír a proxectar e canalizar as súas necesidades".

A ata o de agora edil de C's manterá tamén, como independente, "a súa liña de diálogo" co Goberno municipal da Coruña, indicou. Martínez expresou o seu desexo de que culminen con éxito os proxectos en marcha, "necesarios para asegurar o futuro da Coruña e dos seus cidadáns".