CRTVG

Buscar

Monforte solicítalle a Feijóo que levante o peche perimetral tras saír da alerta vermella

Publicado o 09/11/2020 16:53
Monforte solicítalle a Feijóo que levante o peche perimetral tras saír da alerta vermella

O Concello de Monforte remitiulle unha solicitude ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para pedir o levantamento do peche perimetral do municipio tras os últimos datos das autoridades sanitarias e o paso de alerta vermella a laranxa pola incidencia da covid-19. A proposta foi debatida este luns na xunta de Goberno local, á vista dos últimos datos dados a coñecer pola Consellería de Sanidade e que revelan a redución no número de positivos rexistrados na localidade.

O rexedor e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, sinalou que o municipio "deixa de ter os criterios que motivaron o seu peche perimetral" e tamén o da hostalaría. É por iso que insta a Xunta a levantar estas medidas e a permitir a reapertura destes establecementos coas restricións establecidas con carácter xeral. Na provincia de Lugo Monforte e Sarria son os únicos municipios que se atopan neste nivel de alerta.