Telexornal Serán
Monforte é unha das vilas galegas con menos horas de sol ao cabo do ano
Publicado o 12/01/2018 21:18
Un mapa que rexistra as horas de sol ao cabo do ano en todo o territorio galego sitúa a Monforte entre os lugares con menos luz. Ao igual que acontece en amplas áreas da Mariña, na vila do Cabe hai menos de 1.900 horas en que o ceo non está cuberto.
Monforte é unha das áreas galegas con menos luz, en especial polo inverno. Así se desprende do traballo realizado polo xeógrafo Dominic Royé, que elaborou un mapa coas horas de sol rexistradas ao longo de 2017 en todo o país. Segundo os datos do informe, o ceo monfortino só deixa de estar cuberto durante menos de 1.900 horas anuais.
O motivo polo que as brétemas adoitan tapar o sol en Monforte polo inverno é a súa xeografía física. Situada no medio dunha depresión e atravesada polo río Cabe, a vila permanece durante boa parte desta estación cuberta de néboa.
Do mesmo mapa despréndese que no sur de Galicia hai ata 600 horas máis de sol que no norte.