CRTVG

Buscar

Monedero nega que fixese unha factura falsa para xustificar o pago de Neurona

Publicado o 15/03/2021 11:38

O xuíz que investiga a xestión de Podemos tomou hoxe declaración como imputado ao fundador do partido Juan Carlos Monedero. Monedero negou que cobrase 26.200 euros da consultora Neurona, movemento que, segundo a Policía, puido xustificar cunha factura falsa. Á saída do xulgado, denunciou unha guerra xurídica contra Podemos e asegurou que lle entegou ao xuíz documentos que acreditan os seus traballos para Neurona .

Á súa chegada aos xulgados de praza de Castilla, en Madrid, asegurou estar "tranquilo" e lamentou que esta investigación se atrasara no tempo. "Puideron pedirme as cousas hai seis meses e aforrariamos este gasto", aseverou.

Referíase, deste xeito, á apertura por parte do maxistrado dunha peza separada que mantivo secreta durante cinco meses, dende setembro de 2020 ata o pasado mes de febreiro.

Monedero, citado como investigado, negou que cobrase unha comisión da consultora Neurona, contratada para as eleccións de abril de 2019. "Xa veredes logo como non", dixo, emprazando a prensa á súa saída.

O cofundador de Podemos entrou aos xulgados pola porta principal, despois de que a xuíza decana non aceptara a súa petición de acceder por un lugar alternativo para non poñer en perigo "a súa integridade persoal" por razóns de seguridade e polas restricións da pandemia.

Testemuñas

Un pouco antes, chegou Eric Alfreso Guerrero Márquez, alcumado o Colibrí, para declarar como testemuña. É a persoa que redactou o contrato entre Neurona e a coalición Unidas Podemos para as eleccións de abril de 2019.

Tamén está previsto que declare este venres como testemuña José Miguel Almazán, representante legal da empresa Yugen Media SL, que subscribiu con Podemos un contrato de prestación de servizos en febreiro de 2019.