Mondoñedo volve celebrar o mercado de gando cabalar no día grande das festas das San Lucas
No día grande das San Lucas, Mondoñedo recuperou a Gran Feira Tradicional de Gando Cabalar, que non se puido celebrar o ano pasado por mor da pandemia. Malia todo, por prevención sanitaria, reduciuse a un terzo a ocupación. Se nunha edición normal acudían uns 60 gandeiros, con máis dun milleiro de animais, desta volta só se habilitaron 20 curros para unhas 300 reses.
Miguel García, organizador da feira de gando cabalar: "A feira ao final este ano tívose que organizar dunha maneira completamente distinta a como estabamos acostumados. O que fixemos foi intentar xuntar os gandeiros de máis cerca de Mondoñedo e hai vinte gandeiros participando nesta feira-exposición, entre aspas, posto que non é unha feira como recordamos. Fixemos uns cubículos onde cada gandeiro garda os seus propios animais. Cada un baixou entre dez ou quince animais, traídos en remolque ou en camión".
A das San Lucas é a feira máis antiga do país, posto que leva celebrándose dende mediados do século XII. Malia as restricións deste ano, o bo tempo axudou a que houbese bastante público. "Botaba de menos que volvese. Non puido ser, pola pandemia". "Está bastante animada a cousa, e imos ter bo día, que tamén é moi importante. Normalmente veño todos os anos", comentan os visitantes. Os gandeiros cos mellores exemplares foron premiados pola Asociación As San Lucas.