CRTVG

Buscar

Mondoñedo terá o seu propio Museo da Imprenta este ano

Publicado o 29/05/2019 20:00

En Mondoñedo prevén abrir este mesmo ano un Museo da Imprenta. Nel haberá varias pezas que datan de finais do século XIX, qeu foron cedidas por unha imprenta local que aínda se encontra en funcionamento. 

Esta máquina plana, fabricada en Bélxica en 1872, é unha das pezas máis antigas que se van expoñer no futuro Museo da Imprenta de Mondoñedo. Foi cedida polo dono da imprenta Mancebo, unha empresa que leva funcionando na vila dende finais do século XIX, ao igual que esta Minerva Hispania semiautomática ou esta guillotina manual para cortar o papel á medida.

Fernando López González, cedeu varias pezas para o museo: "Despois teño tamén dúas caixas de letras, dous mobles de letra de imprenta que tamén van vir para aquí. E hai moitas cousas pequenas, coma compoñedores de letra, que son miniaturas pero que son necesarias."

O museo estará situado na rúa da Imprenta. De feito, Mondoñedo foi unha das primeiras localidades galegas en coñecer a impresión con tipos móbiles, xa a finais do século XV.

Abel Vigo García, Área de Cultura do Concello de Mondoñedo:  "Con este novo museo Mondoñedo enriquece a súa oferta museística. Temos un museo na catedral, a casa museo de Álvaro Cunqueiro, acabada de abrir, e agora o Museo da Imprenda, un museo moi xustificable para telo aquí porque Mondoñedo ten imprenta dende hai máis de 500 anos. Dende o século XV hai imprentas en Mondoñedo."

Prevese que o Museo da Imprenta de Mondoñedo abra as súas portas este mesmo ano.

Noticias web

29/05/2019