CRTVG

Buscar

Moncloa matiza a Traballo: "As normas sobre o COVID-19 emíteas Sanidade"

Publicado o 05/03/2020 19:37

O Goberno pon o ministro de Sanidade á fronte da crise do coronavirus e deixa claro que é ese ministerio, do PSOE, o que decidirá o itinerario. A Moncloa desautoriza a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, de Unidas Podemos, que onte publicou pola súa conta unha guía de actuación para as empresas en risco de contaxio.

A Moncloa atalla un novo choque entre os socios do Goberno e aclara nun comunicado que a crise do coronavirus a xestiona o Ministerio de Sanidade e que será de aí de onde sairán as medidas que cumpra tomar en cada momento. Faino 24 horas despois de que o Ministerio de Traballo difundira, sen consultalo, unha guía de actuación para as empresas. A ministra quítalle importancia, di que non é máis que unha compilación de normas que xa existen no ordenamento.

Yolanda Díaz, ministra de Traballo: "Tranquilidade, saúde pública, e está claro que o Ministerio de Sanidade está coordinando toda a acción executiva".

Os ministros do PSOE negan que haxa descoordinación no Goberno, e publicamente desculpan a Yolanda Díaz.

María Jesús Montero, ministra de Facenda: "Todos queremos contribuír, e todos temos un exceso de celo á hora de extremar as medidas cada un no seu departamento, pero o lóxico e correcto é que sexa o Ministerio de Sanidade o que estableza en cada momento cales son as actuacións, tamén as económicas".


Salvador Illa, ministro de Sanidade: "O Goberno está coordinado, creo que a ministra xa explicou esta mañá a situación".

Na Moncloa din que a actuación da ministra de Traballo foi un "erro benintencionado".