CRTVG

Buscar

A Moncloa arrefría as noticias dunha posible remodelación do Goberno

Publicado o 04/06/2021 15:29

A noticia da posible remodelación do Goberno saltaba en varios medios dixitais, e collía azos horas despois cunhas declaracións da vicepresidenta cuarta en que afirmaba que Pedro Sánchez está traballando "en distintas hipóteses".

Segundo Teresa Ribera "o presidente está pensando en como encarar a nova etapa en que estamos e correspóndelle a el avaliar como, cando e con que equipo quere seguir xestionando esta nova etapa". E así collía forza a hipótese de que Sánchez estaría pensando en cambiar o seu gabinete este verán, despois de conceder os indultos aos políticos condenados polo procés.

A Moncloa decidiu atallar o que cualifica de "rumores" cun comunicado en que afirma que o presidente está centrado na pandemia e na economía, unha idea que repiten os seus ministros. A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, insistía ante a prensa en que "será o presidente o que tome a decisión, pero nestes momentos o que estamos facendo todo o equipo de goberno é centrarnos na recuperación económica e acelerar a vacinación".

Pero os medios xa fan quinielas. Apostan a que Sánchez vai reducir ministerios, tamén nos que leva Podemos, e apuntan ao de Consumo ou ao de Universidades. A crise con Marrocos tamén pon na picota pública os titulares de Exteriores e de Interior.

Dende o PP réstanlles valor aos posibles cambios. Para Pablo Montesinos, vicesecretario de Comunicación do partido, "non hai crise de goberno que vaia permitir remontar o voo a Pedro Sánchez". Polo momento, o presidente opta polo silencio e non desvela os seus plans.

 

Noticias web

04/06/2021