Moncho Fernández debulla o momento do Obradoiro
Pois aproveitando o paro ligueiro, estivemos esta mañá con Moncho Fernández para analizar como vai a temporada do Obradoiro. Os inicios foron complicados, pero Moncho está agora satisfeito co equipo e o máis inmediato é o derbi co Breogán.
Moncho Fernández, adestrador do Monbus Obradoiro: "Como todos os derbis, son partidos cheos de enerxía, de calor, sempre son partidos especiais. E como dicía ao principio do verán, é unha boa noticia que haxa un derbi".
O partido entre o Obradoiro e o Breogán será a primeira cita na ACB á volta desta pausa de febreiro. Moncho Fernández asegura que aínda ve lonxe ese partido. Se volve a vista atrás, de momento asegura que está satisfeito coa evolución do seu equipo e de como foi medrando desde o inicio da temporada.
"Cando xuntas tantos novos xogadores e tés que construír un novo proxecto, o que esperas é que o equipo mellore co paso das xornadas, e nesas estamos".
Despois do derbi quedarán trece partidos máis. Agora mesmo o Obra, con nove vitorias, é undécimo na clasificación. Gañar un par de partidos nas xornadas máis inmediatas podería facer que o equipo aspirase a algo máis, quizais xogar en Europa a próxima campaña ou quen sabe se pelexar polos play-offs, pero perder ese par de partidos tamén podería facer que mirase con vertixe os postos de descenso.
De portas para fóra, a posición de Moncho Fernández sobre os seus obxectivos é incluso máis hermética que a defensa do seu equipo.
Moncho Fernández: "O obxectivo inmediato nin sequera é o próximo partido, senón o próximo adestramento, e esa é a nosa filosofía".