Moncho Fernández celebra o regreso do Breogán á ACB e repasa os nomes propios do Obradoiro
Atopamos a Moncho Fernández rodeado de rapaces e feliz de ter a ocasión a vindeira temporada de vivir os intensos derbis co Breogán.
"O bo que teñen os derbis é a paixón que acontece. Volve ser unha mostra do estado do baloncesto galego; sempre presumo de que Galicia é moi basqueteira", di o adestrador do Obradoiro.
Quizais nos derbis da vindeira campaña non estea o capitán do conxunto santiagués Pepe Pozas, tentado por ofertas da súa terra. O técnico apunta que Pozas "é máis ca un xogador para min, é unha persoa exemplar, alguén a quen quero moito, e o futuro decidirá cal vai ser o seu porvir, pero isto pertence á súa decisión".
Os que si continuarán ao seu carón son os seus axudantes. "Todo apunta a que Víctor e Gonzalo continúen no Obradoiro", indica Moncho.
Máis dúbidas presenta o regreso de Steven Enoch, unha das revelacións desta temporada no cadro santiagués, sometido a dereito de tanteo polo Obradoiro.
"Para xogar na Liga Endesa, a primeira opción tería que ser o Obradoiro, pero eu penso que este xogador vai facer a liga de verán da NBA, e dende o meu punto de vista ten bastantes posibilidades de quedar na NBA", considera o adestrador.
Por se acaso o propio Moncho está disposto a marcar territorio preto dos aros.