CRTVG

Buscar

"Moitas mañás lévantome e pregúntome o motivo polo que merezo tan inmenso agarimo"

Publicado o 16/01/2020 11:50

Arsenio Iglesias, a través dun comunicado que pública a páxina oficial do Deportivo agradeceu este xoves o recoñecemento da cidade da Coruña: "Abraiado pola emoción, recibo o triplo recoñecemento do Pleno Municipal da Coruña. Fillo adoptivo, unha rúa da cidade que mo deu todo e na que vivo desde hai 53 anos, e, como guinda, dar nome a un recinto deportivo no que traballei para o Dépor e para o Concello. É un hat trick como aqueles que facía Bebetiño, acordádesvos?", asegura.

"Xa en serio: é unha tremenda esaxeración. Eu aínda moitas mañás me levanto e me pregunto o motivo polo que merezo tan inmenso agarimo. Con ese agarimo xa estaría pago máis que dabondo", continúa o comunicado.

"Penso que se trata dunha decisión tremendamente xenerosa cara á miña persoa e dun gran recoñecemento que merecerían –e, con toda seguridade, antes ca min mesmo– outros xogadores e adestradores do club da miña vida, o Real Club Deportivo", di Arsenio.

O ex-adestrador expresa o seu "agradecemento para os cinco grupos políticos representados no Pleno Municipal, que adoptaron esta decisión por unanimidade, o que me conmove", afirma. "Doulles as grazas tamén aos xornalistas Moncho Viña (Monchiño, non facía falta), Alfonso Hermida e Adrián Viña, por emprender unha campaña de sinaturas que desembocou nesta decisión".

"O meu agradecemento tamén para a miña familia. E, por suposto, grazas eternas a todos os deportivistas e coruñeses pola súa desmedida xenerosidade con aquel rapaz de Arteixo que un bo día de 1951 emigrou á Coruña co soño de facer feliz a afección de Riazor. Este recoñecemento que hoxe recibo faime pensar que nalgún momento o conseguín", conclúe Arsenio Iglesias, que finaliza cun "Sempre Dépor".