CRTVG

Buscar

Mogherini reúne a diplomacia Europea para estudar a situación en Venezuela

Publicado o 13/05/2019 08:21

A xefa da diplomacia Europea reúne hoxe en Bruxelas os Ministros de Exteriores da Unión. Mogherini busca reforzar a posición común para rexeitar tallantemente unha intervención militar estranxeira en Venezuela. Ademais, os 28 estudarán como salvargardar o pacto nuclear con Irán tras as sancións impostas por Estados Unidos.

A de hoxe é a primeira reunión da diplomacia europea tras o intento frustrado de Juan Guaidó para facer caer o Goberno venezolano, despois de provocar unha fisura entre a clase militar. Mogherini reúne os ministros de Exteriores dos 28 para explicarlles o resultado da última reunión do grupo de contacto, a semana pasada, da que saíu a proposta de enviar a Caracas unha misión política para estudar opcións coas dúas partes enfrontadas. A xefa da diplomacia busca hoxe reforzar a posición da Unión Europea, contraria a calquera intervención militar estranxeira, despois de que xurdisen algunhas disensións, por parte do Reino Unido.

A escalada de tensión entre Ucraína e Rusia, tras a decisión de Moscova de expedir pasaporte ruso aos cidadáns da rexión en conflicto de Donestk, será outros dos obxectos de análise da reunión de hoxe que, polo demais, busca protexer as operacións das empresas europeas en Irán despois de que a Administración Trump decidise unilateralmente impoñer sancións ás transaccións de ferro, aluminio e cobre. Berlín, París e Londres xa rexeitaron este ultimatum de Trump e pediron a Teherán que siga dentro do pacto nuclear.

A sempre aprazada busca dunha política migratoria e de asilo común volve estar tamén na axenda dos ministros.

Noticias web

13/05/2019