Moción de censura do PPdeG en Castrelo de Miño co apoio de dous ex-concelleiros do PSdeG
Moción de censura no concello ourensán de Castrelo de Miño presentada polo Partido Popular, co apoio de dous ex-edís do PSOE, para desaloxar da alcaldía o BNG.
Será hoxe ao mediodía cando se debata esa moción de censura. Presentárona os tres edís do Partido Popular xunto cos dous concelleiros do PSOE que abandonaron o partido hai máis dun mes. Neste momento goberna Castrelo de Miño o BNG, en minoría con tres escanos. Foron os mesmos que obtiveron os populares e os socialistas nos últimos comicios municipais, aínda que con menos votos. Se prospera a moción de censura, o nacionalista Esteban Suárez deixaría de ser alcalde e pasaría a ocupar o posto de rexedor o popular Avelino Pazos.
Unha moción que foi levada perante a Fiscalía polo BNG por un posible delito de suborno despois de que a única edil que permanece no PSOE afirmara nun pleno que lle ofreceran un traballo na Deputación para acadar o seu apoio. Declaracións denunciadas tamén polos populares.
Os nacionalistas levan gobernando Castrelo de Miño 13 anos.