CRTVG

Buscar

Minuto de silencio no Dakar na memoria do piloto portugués falecido

Publicado o 13/01/2020 20:21

A imaxe que nos deixa o Dakar é a do sentido minuto de silencio que gardaron todos os participantes da competición en memoria do motociclista portugués Paulo Gonçalves, que morreu onte nun accidente. Dende Arabia Saudita os representantes galegos na carreira quixeron compartir a súa dor e as súas lembranzas do piloto finado: "As caras creo que reflicten un pouco o ánimo dos galegos, porque tiñamos moito apego co piloto portugués Paulo Gonçalves. Eu coñéceoo dende hai máis de 15 anos e a verdade é que teño moitas anécdotas con el e o que podo dicir é que era unha persoa excelente, un gran piloto e sempre pendente de todos", sinala Fran Gómez Pallas. 

Eduardo Iglesias, o piloto do equipo Galimplant lembraba que "onte foi un día duro. Eu xa o imaxinaba porque cando atopei a súa moto e as dos seus compañeiros de equipo sen pilotos, xa estaban todos evacuados, xa imaxinei que o accidente ía ser grave. É unha persoa coa que eu tamén teño corrido algunha carreira, sempre estaba aí cun sorriso e hoxe foi un día duro para todo o campamento e un pouco máis para os das motos porque ao final sempre hai un pouco máis de grupo entre nós."

Tamén Diego Vallejo compartiu as súas reflexións neste momento de tristura:  "Penso que todos os que vimos aquí sabemos ao que nos expoñemos e hai que tentar desfrutar da vida e da carreira e seguir adiante."

Noticias web

13/01/2020