CRTVG

Buscar

Minuto de silencio en Viladecans polo crime machista

Publicado o 23/09/2019 15:10

Minuto de silencio en Viladecans, en sinal de dó pola muller que morreu de hipoglicemia ante a pasividade do seu home, que gravou en vídeo a súa agonía. O home, de 49 anos, foi detido e encarcerado a semana pasada e está acusado de homicidio, malos tratos e omisión de socorro.

Os detalles da investigación que se van coñecendo revelan que a vítima, de 42 anos, e a súa parella, de 49, eran ambos os dous diabéticos.

Levaban catro meses de relación cando ela morreu o 18 de xuño pasado por unha hipoglicemia, unha baixada de azucre.

En principio, todo indicaba que era unha morte natural, pero as sospeitas que espertou o home nos axentes puxeron en marcha unha investigacion que levou a semana pasada á súa detención.

A autopsia confirmou que o corpo da vítima presentaba golpes e contusións e no móbil do home os Mossos atoparon a gravación de como agonizaba a muller ata morrer sen que el lle prestase axuda ningunha.

A xuíza decidiu envialo a prisión provisional acusado de homicidio, malos tratos e omisión de socorro.

A investigación revelou que a vítima tiña un fillo de 13 anos a quen enviou mes e medio antes de que rematase o curso escolar a vivir co seu pai a Cidade Real; cando un familiar lle preguntou por que o fixera contestou cun "xa falaremos".

Hoxe, na cidade barcelonesa de Viladecans, gardaron un minuto de silencio por esta nova vítima da violencia machista en España.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/09/2019