Miñones: "A solución de Ence debe pasar por unha nova localización"
Os presupostos xerais do Estado, que xa comezaron o seu trámite parlamentario, destinan a Galicia 1.075 millóns de euros, o 8,3 % do total. O Goberno español e os socialistas galegos destacan que supera a porcentaxe de investimento territorializado en relación ao anterior exercicio. O Goberno galego ve moitas carencias, pide cautela e di que os investimentos que se contemplan non son realistas.
Xosé Miñones, delegado do Goberno en Galicia, destacou nunha entrevista realizada no informativo Bos días que "cos orzamentos se volve pasar a barreira dos 1.000 millóns de euros, o que supón un 29% máis que o ano pasado". Afirmou que "se inviste máis do que Galicia representa en poboación e do que representamos do produto interior bruto". Cre que con estes presupostos Galicia está ante unha oportunidade única, e destacou as cifras positivas na creación de emprego.
En canto á suba de impostos, o delegado do Goberno destacou que "non hai unha suba como tal" e que "se están a recoller novos investimentos a través dunha nova xestión". Afirmou que a débeda se reduce, ao igual que o déficit.
Pago por uso das autovías e AP-9
Sobre as rebaixas da AP-9, Miñones dixo que era "un fito histórico do que os galegos xa se están beneficiando". Sobre o debate do pago do uso das autovías manifestou que "hai que facelo con consenso e con sentido de responsabilidade", e que primeiro habería que falar coas comunidades autónomas.
Miñones destacou que o mantemento e conservación das autovías ten un custo moi elevado e que no caso de Galicia "supón 60 millóns de euros só neste orzamento". Nese debate, dixo que habería que poñer en riba da mesa se os transportistas estranxeiros teñen que achegar polo seu uso e así se poida reducir ou bonificar as peaxes das autoestradas galegas.
Ence
Xosé Miñones referiuse á sentenza de Ence e dixo que "é factible buscarlle unha nova localización". Destacou que a primeira xuntanza que mantivo como delegado do Goberno foi a mesa de Ence onde se concretou que o Goberno estaba disposto a seguir apoiando os traballadores. Dixo que o Estatuto da Autonomía recolle que a competencia de industria é galega, polo que se necesita colaboración para atopar solucións. Adscribila ao porto de Marín subliñou que "non é posible", polo que apostan polo traslado da factoría.
Reunión de presidentes autonómicos
Sobre a reunión de presidentes autonómicos para falar do financiamento, convocada para 2 de novembro e que aínda non foi adiada, Miñones afirmou que "non se poden usar os temas para atacar o Goberno". Destacou que as cifras que recolle en transferencias a Xunta de Galicia nos presupostos de 2022 son de máis de 8.000 millóns de euros.
Congreso Federal dos socialistas e primarias galegas
En canto a celebración das primarias no PSdeG, Miñones dixo que el aposta polo diálogo e que "é algo positivo que haxa porque lle permite á militancia opinar". Manifestou que os dous candidatos presentan liñas concretas e estratéxicas de cara ao futuro e que o que recibe da militancia é moi positivo. Destacou que o Congreso Federal desta fin de semana demostrou unidade e un liderado moi potente.
Caso Samuel Luiz
Para rematar, o delegado do Goberno referiuse ao asasinato de Samuel Luiz. Dixo que non hai novidades ao respecto e mandoulle unha mensaxe de agarimo á familia. Destacou que "agora quen ten que actuar é a xustiza".